O grupo promotor está constituído por persoas con experiencia no ámbito da Educación para o tempo libre, sobre a base dun proxecto común desenvolvido na cidade de Santiago de Compostela na década dos oitenta, cun modelo que queremos estender como instrumento de educación e cooperación internacional.
Somos persoas comprometidas coa educación, profesionais de ámbitos moi diversos, tendo en común unha experiencia longa e intensa no traballo na educación para o tempo libre e unha vocación de servizo compartida.
Os inicios
Na primavera do ano 2010, decidimos impulsar un proxecto deste tipo, con principios cooperativos. Despois de varios meses de preparación, pensamos que, por razóns de proximidade de vario tipo, podíamos levar a nosa proposta educativa a Cabo Verde, que, na altura, estaba considerado país de prioridade 1 pola Xunta de Galicia. E organizamos unha gala, no Teatro Principal de Santiago, en 2011, coa participación de excelentes artistas, que foi fundamental para dar a coñecer o proxecto e conseguir asociad@s…
Entretanto, tamén fomos vendo que essa cooperación só podía ser sólida se tiña grupos educativos parceiros na Galiza; e, fundamentalmente, reconvertemos esa idea de cooperación (que chegamos a denominar de segundo grao, sendo a de primeiro para nós a que tenta satisfacer as necesidades básicas) en traballo de rede.
Entendemos que unha proposta educativa, como a nosa ou outras similares, nos tempos libres e con carácter estábel, é fundamental para as diversas comunidades do mundo, un mundo cada vez máis desigual, máis violento, máis individualista. E continúa sendo unha aventura apaixonante, intensa e necesaria!