Seteportas – Altair Compostela xorde no ano 2014 como un grupo pertencente ó Movemento Internacional, Sociocultural, Educativo e de Cooperación para o Desenvolvemento Altair.
Somos un grupo de persoas que educamos nos tempos libres na cidade de Santiago de Compostela. A nosa equipa está formada por voluntarias – que non reciben salario pola posta en práctica do proxecto educativo de Altair– e as nenas do grupo coas que contamos.
Desenvolvemos actividades destinadas a rapaces e rapazas de 7 a 17 anos todos os sábados pola mañá, de 11.00h a 14.00h, en Compostela. Ademais, puntualmente (nadal, pascua, verán…), organizamos campamentos en conxunto co grupo irmán Chao de Castro – Altair Burela.
Convidamos a calquera persoa que queira formar parte do noso proxecto a poñerse en contacto connosco a través do noso mail seteportas@altairweb.org ou ben por teléfono, chamando ó 659621105 (Olalla).
A equipa de monitor@s compoñémola estudantes de diversas disciplinas que compartimos o noso interese e compromiso co mundo do tempo libre (a maioría de nós contamos co título de Monitora de Tempo Libre). Somos:
- OLALLA LIÑARES (coordinadora): 22 anos. Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e estudante do Máster de Formación de Profesorado na USC.
- EVA BARBAZÁN: 23 anos. Graduada en Pedagoxía pola USC e Máster de Educación Ambiental pola Universidade de Sevilla. Estudante de FP de Xestión Forestal e Medio Natural.
- ALBA GONZÁLEZ: 23 anos. Graduada en Pedagoxía pola USC e estudante do Máster de Procesos de Formación na USC.
- OLAYA RODRÍGUEZ: 21 anos. Estudante do Grao en Física na USC.
- NATIVIDAD RÚA: 21 anos. Estudante do Grao en Física na USC.
- DIANA BABARRO: 21 anos. Estudante do Grado en Lingua e Literatura Hispánica na USC.
Como equipa nacente traballamos día a día por ampliar os nosos horizontes e consolidar a nosa equipa de monitores/as, así como o conxunto de nenos e nenas cos que desenvolvemos a nosa labor.
Cremos na pedagoxía do noso proxecto como forma de educar en valores nos tempos libres, ademais de facer que os/as nenos/as medren sentíndose parte dun grupo que camiña unido sen esquecer a individualidade de cada persoa; tomando o xogo como punto de partida para chegar a construír entre todos/as unha sociedade mellor.
1: Vistalegre está de festa¡ seteportas inagura o seu local, o día 6 de xuño de 2015
O grupo de educación nos tempos libres Seteportas – Altair Compostela, recentemente instalado no baixo número 22 da rúa Salvadas, elixiu este día para celebrar a inauguración do seu local.
Presentación de Seteportas, xogos polo barrio, proxección de vídeos realizados polo propio grupo, merenda… son as propostas centrais deste evento destinado a rapaces/as de entre 7 e 17 anos que poderán acudir na compaña dos seus pais/nais con entrada totalmente libre. Nestes días está a circular pola rede un vídeo realizado por nenas que forman parte deste grupo para anunciar a cita, que se pode ver en Youtube (Anuncio Festa Seteportas).
Nese mesmo día ofrecerase información sobre o campamento de verán que programa Altair entre o 27 de xuño e o 9 de xullo en Esteiro.